…paso a paso…
Hai tempo que non compartimos con vós a nosa andaina, mais nunca é tarde así que aí vai!
O curso comezou cun Setembro convulso, moitos cambios e moi rápidos, que nos fixeron reaxustar forzas e dar comezo a novas actividades que nos acompañan na vida.
Unha vez ubicadas, tras o movemento de terras propio dunha boa labranza, puxémonos mans á obra para levar a cabo un obradoiro dentro do Chanfaina Lab, unha fermosa iniciativa do Concello de San Sadurniño.
Aquí tivemos a oportunidade de traballar cos veciños e veciñas do concello para que nos amosaran o seu xeito de mirar e retratar a súa terra. Uns guías de luxo para todo visitante! Elxs, xunto cos creadores, profesionais e amateurs, chanfaneirxs amosarán na última parte do proxecto as súas pezas (aínda hai que agardar un chisco, mais seguide atentxs ás redes!)
Seguidamente retomamos o proxecto EmocionArte, realizado para o Concello de Oleiros en colaboración cos Servizos Sociais, onde un grupo de mulleres exploraron as súas emocións e a información que nos traen reflectíndoas a través do audiovisual.
Equipadas cos seus móviles, retrataron a súa realidade poñendo o filtro das emocións básicas que traballamos: Medo, Alegría, Tristeza, Afectos e Enfado. Todo este material é parte dunha obra colectiva que se presentará o próximo 25 de Novembro, estrea á que quedades convidadxs (atentxs ás redes onde informaremos do lugar e a hora).
Foi unha marabillosa experiencia, que dende Abril nos permitiu explorar o mundo das emocións, compartindo nun espazo de cuidado aquelo que sempre nos acompaña: o mundo emocional, para perderlle o medo, coñecelo un pouco máis e entender a mensaxe tan fundamental que nos ven a traer.
Nesta mesma liña participamos, nun formato de charla, na proposta Sábados de Outono das Bibliotecas Municipais da Coruña.
Aquí procuramos brevemente crear tamén un espazo onde poder poñer en común o significado das emocións e entendelas como unha brúxula que nos da a pista de que precisamos no momento en que aparecen.
Non podemos esquecernos dunha das nosas citas habituais e agardadas, o Festival Curtopía, no Alga-Lab de Valadares, Vigo. Alí levamos varias das curtas resultantes do proxecto www.urbanismoemocional.com para compartir dentro da mostra Reconversión en Cadea, para ilustrar a herdanza da industrialización masiva dos séculos XIX-XX e o seu impacto na sociedade e no territorio. Unha vez máis, un pracer compartir coa comunidade do Curtopía!
E chegamos xa a estas alturas, onde esta fin de semana marchamos para Madrid, acompañar ao grupo que participa do IV Ciclo de exploración en videoterapia, proposta na que vimos colaborando dende hai anos e na que traballaremos este e o mes próximo.
Polo medio imos poñer un pouco de mar por medio, xa que entre o 28 e o 1 de Decembro, VideodinamizArte foi convidada a participar no “II Forum internacional da plataforma latinoamericana del audiovisual para la infancia y la adolescencia” que se realiza, nada máis e nada menos que na Habana, Cuba. Así que alí haberá representación galega para compartir as nosas experiencias sobre traballar a educación emocional a través da creación audiovisual. Vendo o programa de seguro que traeremos moitas cousas que compartir á volta.
E así andamos! E seguimos a camiñar!