Obradoiro de balde no barrio de Conxo
VideodinamizArte, xunto coa asociación EspertaConxo e o Concello de Santiago ofertan un novo obradoiro no barrio de Conxo, que leva por título Ollando ao barrio: son daquí, miro así. Preténdese trasladar á cidadanía os valores dun barrio histórico a través da ollada dos seus propios concidadáns.
O obradoiro, totalmente de balde, comeza o día 22 de Setembro. Terá unha duración de 30 horas, e levarase a cabo os martes e xoves de sete a nove e media. O prazo de inscrición está aberto ata o día 18. O formulario para anotarse é no seguinte link:
http://comercio.santiagodecompostela.org/cursos.php?idioma=gl&id=4&sec=6
A realidade inmediata dos veciños do barrio de Conxo será o contido sobre o que versa este obradoiro, en concreto, poñendo a atención nas actividades, na paisaxe, nos comercios, nas persoas, na historia do barrio… . O resultado serán miradas distintas e persoais sobre a súa contorna, con dous obxectivos básicos: que os propios veciños tomen conciencia da súa realidade como barrio e por outra parte poder compartir esta nova ollada coa comunidade.
Realizaremos un obradoiro de videocreación dende a filosofía de VideodinamizArte, entendendo este medio como unha forma de explorar a creatividade persoal que resulta nun produto cultural que pode ser visibilizado pola comunidade. O coñecemento das novas tecnoloxías intégrase, a través desta iniciativa, no día a día dos participantes, que serán os creadores activos dunha peza audiovisual a partir da experiencia propia.