aventuras ao outro lado do charco

O prometido é débeda, así que aquí estamos para compartir con vós a marabillosa experiencia vivida ao outro lado do charco no “II Forum internacional da plataforma latinoamericana del audiovisual para la infancia y la adolescencia”.
img_20161128_192915Realizado entre o 28 e o 1 de Decembro na Habana, Cuba, foi coincidir cun momento histórico irrepetible, a morte de Fidel Castro, un dos persoeiros máis relevantes do século XX.

En pleno loito chego á Habana como representación de Videodinamizarte, sen saber moi ben se ía haber Forum, dada a paralización da cidade, mais disposta a fluir co que viñera – único e fundamental consello para vivir Cuba: deixarse levar.
E así foron chegando as aprendizaxes, coñecendo a colegas que, a tantos quilómetros de distancia, creen, se adican e pelexan polo mesmo ca ti, facéndote sentir coma na casa pola cercanía de corazón e de pensamento.
Fun quedándome cada vez máis admirada pola capacidade de traballo de colegas cubanos, que con moita dificultade á hora de dispoñer de medios, dan unha lección en cada minuto sobre como é cuestión de vontade e creatividade poder dinamizar unha comunidade enteira. 20161129_154726

É o caso do proxecto Cámara Chica que con diferentes iniciativas está creando cultura audiovisual ao longo da illa cubana. Capacitando a unha rede de rapaces e rapazas nos diferentes roles que implica unha producción audiovisual, empoderándoos, convertíndose en espectadores e creadores críticos, con voz propia, poñendo en práctica a educomunicación en todos os sentidos.
Moi interesante tamén foi a representación colombiana, tanto no relativo ás radios comunitarias e escolares, da man do grupo Comunicarte; como pola presenza da produtora e estudio de animación Animaedro que nos presentaron “Camusi Camusi” unha excelente serie feita en stop motion dirixida a preescolares para aprender os instrumentos musicais propios de Latinoamérica.
Esta é unha pincelada absolutamente escasa de todo o que alí vivín, en xornadas intensas de traballo e relación, con grandes profesionais dos catro eixos nos que se dividía o foro: 1. Teórico e metodolóxico; 2. Difusión: mostras e festivais; 3. Estratexias pedagóxicas; 4. Producción.

Sería moi extenso agradecer a todas as persoas que me acolleron dun xeito tan xeneroso, facéndome sentir coma na casa, abríndose profesional e persoalmente en tan pouco tempo, de modo que xa quedei para sempre con nostalxia de Cuba. Aínda así, GRAZAS: Ivonne, Eileen, e todas as organizadoras por continuar a marabillosa iniciativa de Pablo Ramos, ao que lamento non ter chegado a coñecer; a Yony, Nelson, Leo, Bárbara, Giovanni, por ser os meus guías e productores personalizados, polas charlas infinitas nese momento único; a Daína, Yenny, Alma, Lisbet, Marlen, Pedro, Luis… etc. por compartir parte dunha experiencia que resulta única na miña vida ate o dagora.
Grazas Cuba por existir e resistir.
vlcsnap-4199670