2016, novos camiños!
O novo ano ven cargado de novas que queremos compartir con vós.
Como saberedes polas nosas redes estamos a desenvolver o obradoiro “Relatos transversais, outras narrativas do museo” no Museo do Pobo Galego. Está a ser unha fermosa experiencia, na que xa estamos na fase de edición, andade atentxs porque unhas xoias están a piques de sair do forno!
Por outra banda, neste mes de xaneiro comezamos tamén un obradoiro en colaboración co Centro da Muller Vagalume, onde 13 mulleres participan da videocreación plasmando as súas historias de vida, tomando conciencia dos aspectos positivos que nos axudan a construir o presente.
E hai máis! Xa na liña de investigación e formación no campo da videoterapia, estamos dende o mes de setembro do ano pasado, a participar na primeira formación de Videoterapia, un ciclo de seminarios dirixido a profesionais e estudantes interesados en ampliar as posibilidades de crecemento con apoio do arte, o vídeo e a creación. Neste ciclo colaboramos como formadoras e alumnas, no que está a ser unha experiencia moi enriquecedora da que xurdirán novas propostas e liñas de investigación, que iremos compartindo.
Tamén durante a primaveira colaboraremos con Nómadas en Cangas, cun grupo de terapia ao que achegaremos a videocreación como ferramenta de exploración persoal.
Por último, mais non menos importante, andamos a preparar un artigo para unha revista promovida pola Dirección Xeral de Educación Normal do Estado de Jalisco, México, pola que fomos convidadas tras a repercusión do artigo publicado en Papeles de Arteterapia, publicado o ano pasado. Unha oportunidade de divulgación que agradecemos e pola que estamos moi ilusionadas.
E nada máis, e nada menos! Seguiremos informando e desenvolvendo cada un destes temas, que podedes explorar nos enlaces en canto teñamos máis para compartir. A seguir no camiño que queda por diante neste 2016!
*Ilustración de Carlos Arrojo