Aplicación da metodoloxía VideodinamizArte nun obradoiro en Alemaña
Recén aterrizada da breve viaxe a Alemaña, escribo este post para contarvos as miñas impresións e reflexións, a partires da aplicación da metodoloxía dos nosos obradoiros nunha breve dinámica cos estudantes xermanos.
Heilderberg é unha cidade situada preto de Frankfurt que conta cunhas das universidades máis antigas de Europa. Alí traballa Gabriel, lector de galego e gran dinamizador do Centro de Estudos Galegos. Ademáis de ensinar galego aos estudantes de línguas, realiza este semestre un seminario de cibercultura. A través del achega aos estudantes dende viñetas de Luís Dávila, cinema galego e proxectos multidisciplinares que difunden e contribúen a formar a nosa cultura, coma neste caso Videocartas Galiza-Berlín. Hai un tempo púxose en contacto con nós, e convidounos a presentar o noso proxecto ademáis de realizar un traballo cos estudantes. E aló fun!
A proposta foi realizar unha pequena dinámica, onde os estudantes puideran ter un achegamento á metodoloxía de VideodinamizArte, empregada no proxecto Videocartas Galiza-Berlín. Onde, para entendelo mellor, puideran vivenciar e experimentar o proceso polo que pasaron os participantes do noso obradoiro. Tratábase de ser consciente das súas emocións, nese lugar e nese momento, e de como se poden sacar para fóra e compartir a partir do uso dunha nova linguaxe: o audiovisual.
Polas limitacións de tempo, tivemos que acotar o traballo, e empregar a fotografía en lugar do vídeo. A partir dunha treboada de ideas, que serviu como caldo de cultivo e paso previo para darse conta do que querían comunicar, realizaron o proceso.
Para manter unha analoxía co proxecto Videocartas Galiza-Berlín, propuxemos traballar arredor de catro conceptos: Alemaña, Galicia, carta e emigración. No momento de compartir o resultado, reflexionamos sobre o proceso creativo realizado: que chega aos demáis, que quero comunicar, como foi o meu proceso para pasar da idea á imaxe, que recollo do grupo…
Resultaron moi interesantes as diferentes visións de cada un deles, de como lles tocaba cada un dos conceptos que saíron na aula e de como cada un o relacionaba coa emoción que sentía e creaba unha imaxe para comunicala.
Pola tarde, tras a proxección das videocartas creadas no proxecto Galiza-Berlín, establecemos unha conversa aberta e plural, intercambiando impresións e vivencias entre estudantes de todo o mundo a partires do visionado de miradas persoais de galegos en Berlín arredor da ser emigrante.
Lévome tamén desta experiencia coñecer máis o traballo dos lectorados galegos espallados polo mundo. Da súa labor de difusión da nosa língua e da nosa cultura, e de como é acollida polos estudantes extranxeiros. Síntome moi contenta e orgullosa de poder crear proxectos que contribúan a formar esa cultura, de que se entenda e chegue o que propoñemos e de sentir que estás establecendo diálogos co mundo traballando dende aquí.