Colaboración co Mestrado e Curso Intensivo de Experto “Medical Humanities, Arte e Saúde”
Hoxe queremos compartir con vós unha futura colaboración co Mestrado e Curso Intensivo de Experto “Medical Humanities, Arte e Saúde” a desenvolver durante o próximo curso 2015-2016.
Esta iniciativa chegounos da man de Liana Vella, formadora teatral e asesora de comunicación eficaz que coa colaboración do Instituto Europeo de Formación Campus Stellae propoñen un espazo onde se atopen as artes e a cultura en beneficio do benestar e a saúde do ser humano integral.
A idea é aportar unha vía para a rexeneración das prácticas médicas e sanitarias cunha ollada máis amplia e integradora.
Mantendo a perspectiva de “to cure”, curar, isto é aplicar os remedios necesarios para eliminar unha enfermidade, ferida ou dano físico; é importante non perder de vista a necesidade de “to care”, cuidar, dando a importancia que merece a persoa enferma, e o “con-tacto” con ela.
Dende a perspectiva das disciplinas humanísticas e científicas amósase de que maneira as ciencias sociais e artísticas poden influir no coñecemento científico do corpo xunto co coñecemento humanístico da vulnerabilidade do ser humano nos seus constantes cambios, reforzándoo dende o punto de vista holístico.
VideodinamizArte terá o seu papel dentro do programa formativo, desenvolvendo o módulo adicado á Videoterapia, titulado: “A mirada como medio de contacto”. Así mesmo acompañaremos aos estudantes durante toda a duración do curso a través dunha experiencia práctica, onde poderán retratar o seu propio camiño de aprendizaxe e as experiencias vividas durante o proceso facendo o seu propio vídeo.
Contando cun claustro académico internacional de alto prestixio dentro do mundo da Sanidade, da Psicopedagoxía e do Arte a aprendizaxe progresiva organízase en módulos que teñen como obxectivos principais: desenvolver as intelixencias múltiples e as súas interdependencias; entrar dentro das Medical Humanities dende a Pedagoxía do Coraxe, a Medicina Narrativa, a Pedagoxía Parental e Sanitaria, a Autobiografía como cura dun mesmo, o Teatro-Saúde, a Videoterapia, o Arte para a Resiliencia e o Benestar, as Artes-terapias, a Arquitectura e Saúde…
Ofértanse dous formatos:
- Mestrado Internacional en “Medical Humanities, Arte e Saúde” (Semi-presencial: un fin de semana ao mes en Santiago de Compostela, entre octubre 2015 e setembro 2016 -600 horas-)
- Curso Internacional de Experto en “Medical Humanities, Arte e Saúde” (dúas semanas intensivas durante o mes de xaneiro 2016 -350 horas-)
Podedes atopar toda a información relativa a ambas opcións pinchando enriba delas, ou a través da web do Instituto Europeo de Formación Campus Stellae