II Xornadas Asociación de Videoterapia Española aVERTe

Esta próxima fin de semana estamos de novo convidadas a acudir a Madrid para unha xornada interna da Asociación de Videoterapia Española aVERTe, o que nos da a ocasión perfecta para presentarvos un pouco máis ás mulleres participantes desta iniciativa.

aVERTe comeza a súa andaina no ano 2009 cun obxectivo claro: promover o intercambio, a formación e a documentación no ámbito dos medios audiovisuais aplicados á axuda terapéutica e social de profesionais da terapia, a educación, a axuda social e campos afíns.
Dende aVERTe preténdese crear un espazo onde poidan confluir e darse a coñecer as distintas técnicas, tratamentos, investigacións e traballos que se realicen no ámbito da videoterapia a nivel nacional e internacional.
Seguindo esta liña Videodinamizarte entra en contacto con elas no ano 2012, cando somos convidadas a participar no primeiro encontro da asociación e creamos vínculos que duran ata hoxe, con varias colaboracións polo camiño.
Xunto con Olga Rueda como anfitriona, da que xa compartimos noutra entrada o seu interesante traballo, compartiremos experiencias con Ana Mª Mampaso profesora na Universidade Autónoma de Madrid no Departamento de Educación Artística, Plástica y Visual, cunha extensa traxectoria académica e investigadora no ámbito da arteterapia.
Isabel Pérez, é outra das socias fundadoras da asociación, licenciada en Belas Artes, está a desenvolver o seu traballo vinculado ao autismo dentro da liña de investigación “Aplicacións da arte na integración social, arte, terapia e educación na diversidade” da UAM, así como poñendo en marcha o Centro de Desenvolvemento e Creatividade Creare. María Morales Valverde psicóloga e psicoterapeuta de orientación gestáltica, que dirixe o Equipo Centro, integra este grupo xunto con Nerea Rodríguez, quen en 2010 publicou “Historias Personales. Doble mirada de la parálisis cerebral a través de la imagen de vídeo”, traballo enmarcado no Máster de Artes Visuais e Multimedia da Universidad Politécnica de Valencia e segue, como as compañeiras día a día traballando nesta liña que aúna a psicoloxía e o audiovisual.

Con estas compañeiras compartiremos esta xornada de aprendizaxe dos traballos de cada unha, enriquecéndonos con outras perspectivas, aportes, formas de intervir… en definitiva novas olladas para construir e ir consolidando a Videoterapia a cada paso. Invitámosvos a coñecer máis polo miúdo os seus interesantes traballos e acompañarnos nesta viaxe!
logo averte