Proxecto Berlin

Proxecto BerlinVideodinamizarte, sempre sensibilizadas coa realidade actual e con novas colaboracións, está a elaborar un proxecto para realizar en agosto, dentro do Programa Juventud en Acción da Unión Europea.

A nosa idea é poñer en relación as experiencias de mozas e mozos que viven fóra de Galicia, máis concretamente en Berlín, coas experiencias vividas no pasado por familiares emigrados no seu momento a territorio alemán.

A ferramenta para conectar estas experiencias é, como non, o audiovisual, de modo que se recollerán as testemuñas de eses familiares retornados á Galicia, para que con ese material os mozos e as mozas elaboren unha peza audiovisual retratando o seu presente. De este xeito resultaría unha obra onde a xuventude reflicta a súa experiencia a través dos paralelismos e o coñecemento da historia familiar.

Por iso estamos na procura de participantes que residan en Berlín, galeg@s e que non teñan máis de 30 anos. Preferentemente persoas con familiares retornados que tiveran emigrado ao territorio alemán e que teñan interese na creación audiovisual (fotografía, deseño, Belas Artes,….). Persoas que queiran contar a súa experiencia e reflexionar sobre a súa historia persoal no exterior e as circunstancias que a rodean.

O noso obxectivo principal é dar voz en primeira persoa aos/ás participantes, para que plasmen a súa experiencia sendo autores/as da peza audiovisual en tódalas súas fases: idea – rodaxe – edición.

Gustaríanos que se estas interesad@ ou tes calquera dúbida ou precisas de máis información, nos escribas o antes posible a este mail: proxectoberlin@gmail.com.

Agradecemos a difusión e o interese, moitas grazas e un saúdo!