Que vemos na parte “audiovisualera”?
Na parte “audiovisualera” dos nosos obradoiros vemos moitos referentes audiovisuais. Exemplos de outra forma de contar historias, miradas diferentes á realidade cotiá, onde o importante é a idea, máis alá da dificultade técnica.
Tamén aprendemos a coñecer máis a linguaxe audiovisual, as súas características de composición e narración. Para poder comunicarnos con ela achegámonos aos seus códigos, como as unidades mínimas de significado que ten: os planos. A importancia do punto de vista de cada un, o que podemos comunicar dende unha ou outra perspectiva, a implicación emocional que ten cada encadre para poder contar a nosa historia.
Tomamos conciencia da importancia da evocación á hora de narrar coa imaxe e o papel activo do espectador na interpretación dos planos a través de conceptos como a elipse e o campo e fora de campo.
Aprendemos a relevancia do son, como recurso para completar e potenciar as imaxes, coñecendo os tipos de son que podemos atopar, a través de exemplos e exercicios.
Como cada participante dos nosos obradoiros realiza o seu propio vídeo, para sair a rodar aprendemos o uso da cámara, que a prestamos nós. Son cámaras moi sinxelas, que nos permiten gravar a idea que fumos traballando ao longo do obradoiro.
E finalmente aprendemos a usar un programa de edición para realizar a montaxe dos nosos vídeos. Coñeceremos as teorías da montaxe e a importancia desta etapa na construción final da nosa historia.
Se queres aprender un pouco máis sobre todas as potencialidades do vídeo para poder expresarte cunha nova linguaxe, o prazo de inscrición do próximo obradoiro está aberto. Máis info: http://goo.gl/LDQ8PR