Recollida do Congreso “Humanizar la educación”…
A última fin de semana de Xuño VideodinamizArte participou en Bilbao no congreso “Humanizar la Educación”, unha proposta da Universidade do País Vasco en colaboración coa Fundación Claudio Naranjo.
A nosa intervención foi compartir o noso método de traballo e a nosa experiencia cos “Obradoiros de videocreación dende unha mirada gestáltica”. Sentímonos afortunadas e contentas pola boa acollida e o interese xerado, así como por compartir outras propostas moi interesantes no ámbito da educación formal e non formal.
As interesantes intervencións de Iñaki Zapirain, Fresia Nora Robledo da Fundación Claudio Naranjo, así como as de Elena Herrán, Fernanda Martinez e as marabillosas clownclusións de Virginia Imaz acompañáronnos xuntos cos obradoiros participativos propostos.
Outras iniciativas interesantes dende diferentes ámbitos educativos son por exemplo o Laboragunea de Leioa, un espazo de aprendizaxe como proceso vital, onde en condicións de seguridade e autonomía cada persoa é capaz de crecer máis aló do que calquera plan externo poda imaxinar. Coa comunidade como entorno natural para o crecemento das persoas, este espazo permite que as derivas persoais poidan configurar ademáis unha deriva colectiva, sostenible, responsable e inclusiva.
Tamén a proposta de Karen Lund Orbeta, arteterapeuta que traballa no Museo de Belas Artes de Bilbao, co programa “Incluímos el Museo”, dirixido a grupos en risco de exclusión social, que xunto con Juan-Cruz Resano e Janina Espuny compartiron as súas experiencias en diferentes ámbitos de intervención resultaron un acompañamento interesante e estimulante do que aprender.
En conclusión, retomando o subtítulo do concreso: “da queixa á creatividade” observamos que a comunidade educativa, en toda a súa amplitude é vez máis consciente da necesidade de acompañar no crecemento individual, e polo tanto social, de cada persoa. Facelo a través dunha educación máis sensible, que atenda a cada ser humano dunha forma integral, tendo en conta as súas motivacións intrínsecas e vitais, que nos acompañan a todos e todas dende que nacemos. A creatividade é a ferramenta a través da que podemos elaborar todas esas dificultades coas que nos imos atopando no camiño da vida.
En VideodinamizArte seguiremos a poñer o noso gran de area invitándovos a participar nos nosos obradoiros.