Xa voltamos de Berlín!

Xa estamos de volta! Este verán estivemos traballando no proxecto Videocartas Galiza-Berlín. A primeira parte desenvolveuse pola xeografía galega durante o mes de Xullo, como ben vos fomos informando.
No mes de Agosto estivemos na capital alemana realizando un obradoiro psicolóxico-audiovisual coas compañeiras Adriana de Illa Bufarda e a psicóloga Sandra Martínez. Éste tivo lugar do 4 ao 15 na galería de arte Bootsbau, situada nun dos barrios máis céntricos e con máis actividade cultural da cidade: Neukölln. Alí coñecimos por fin a Jandro, Natalia, Víctor, Katia, Tania e Iria, que foron os marabillosos participantes deste proxecto.
Durante a primeira semana estivemos realizando a preproducción das videocartas, a través de dinámicas sobre o tema da emigración que deron lugar a apaixonantes e interesantes debates, e o coñecemento das ferramentas audiovisuais, para poder plasmar todo o traballado en imaxes e sons. Foron xornadas de dúas horas e media, onde cada día saímos como decía Katia “dándolle á lavadora”. Pensamos, emocionámonos, compartimos, reflexionamos sobre o tema da emigración galega de hoxe e onte da man dos seus protagonistas. Durante a fin de semana do 9 e 10 de agosto os participantes estiveron de rodaxe. Cada un coa súa cámara, a súa idea e a súa escaleta estiveron pola cidade capturando encadres e sons para plasmar as súas reflexións. Nas sesións da seguinte semana estiveron editando, e finalmente o venres 15 poidemos facer o visionado dentro do grupo e compartir cos compañeiros o resultado do proceso. Como broche final desta parte do proxecto, o sábado 16 realizamos nunha sala dos emblemáticos e céntricos cines Babylon de Berlin a proxección con público. Unhas 60 persoas se achegaron para coñecer de preto o resultado deste proceso e compartilo cos seus autores. Foi unha xornada intensa e emocionante, como todo o obradoiro en Berlín.
Estamos máis que contentas e agradecidas a todas e cada unhas das persoas que fixeron esto posible. Foi unha gran recompensa a meses de traballo. Agora agardamos compartilo co público galego nun acto en Santiago de Compostela, que aínda que non ten data definida, será este outono. Pecharemos así este proxecto que tantas alegrías nos está dando.

IMG_4618