Pechamos un ciclo… abrimos outro… a Videoterapia continúa!

Durante este curso participamos dunha aventura máis que estimulante: a Formación en Videoterapia, Cineterapia, Videogestalt e Videoarteterapia, realizada en Madrid e coordinada por Olga Rueda
Foi un espacio de compartir saberes, onde coñecemos, impartimos e experimentamos os múltiples xeitos de empregar o vídeo en contextos terapéuticos.

Agora, xa finalizada esta viaxe, recollemos os froitos maduros e observamos as sementes plantadas, que seguirán a medrar no futuro: a mirada de amor, o videodiario, o vídeo e audio disociados, o stop-motion, a video-intervención en directo, a técnica da secuencia… Innumerables liñas a explorar e investigar, cun gran potencial, que nos amosan a grande dimensión que ten a ferramenta audiovisual, posta ao servizo do traballo terapéutico.

Acompañadas dun marabilloso grupo humano, puidemos traballar, investigar, coñecernos e compartir. Grazas a Iria, Jose, Natalia, Lola, Javi, Imar, Isabel e Olga por embarcarvos neste “barco” co que medramos tanto, persoal e profesionalmente. Grazas tamén a todxs xs amigxs que colaboraron coa loxística para darnos aloxamento e facernos a estancia en Madrid máis acolledora. Sen todxs vós non tería sido posible, grazas!

Esta experiencia vén dar aínda máis sentido ao noso proxecto: Videodinamizarte, e anímanos a dar os seguintes pasos, o máis inmediato: o IV Ciclo de Exploración persoal a través da Videoterapia.

flyer formación 16_17

Para o próximo curso retomaremos a experiencia a través de nove obradoiros vivenciais para coñecerse a través do vídeo, a arte e a creación. Dirixidos a calquera persoa con interese en empregar o audiovisual como vía de transformación persoal, onde NON é necesario ter coñecementos técnicos previos.
Se ademáis do interese persoal en crecer e explorar a través desta ferramenta, tendes un interese profesional, sabede que completar este Ciclo dá acceso ao Curso Superior de “Formación en videoterapia, cineterapia e videoarteterapia”

Deixámosvos o enlace para ver o programa e obter máis información: consultade aquí!

Se queredes participar desta magnífica aventura, esta é a vosa oportunidade, non a perdades!