Proxecto Urbanismo emocional

Urbanismo Emocional é o novo proxecto de VideodinamizArte para o Concello das Pontes. Parte da idea de mirar os espazos comúns para os habitantes da vila que son á vez particulares de cada un. Esta particularidade ven dada polas vivencias asociadas a eses percorridos cotiás que enchen de vida e significado a realidade de cada veciño e veciña e que, ao ser compartidos, crean comunidade.

É importante que os espazos comúns que compoñen o urbanismo dun pobo (as súas rúas, prazas, xardíns,…) non perdan de vista a relación dos cidadáns co seu propio entorno. A suma de experiencias, movementos, emocións e memorias asociadas a estes espazos é o que construe a nosa propia percepción do entorno urbán. Esta percepción non é unha foto estática, se non unha suma “instantáneas” que os veciños poderán recoller, significar e comunicar a través dun video neste obradoiro.

Deste xeito desenvolverase un obradoiro de videocreación coa metodoloxia de VideodinamizArte onde cada participante realizará un video que plasme a súa percepción dos espazos do pobo polos que pasa todos os días. Trátase de personalizar e comunicar esas rutas que son propias de cada participante e á vez recoñecibles polo resto de veciños e veciñas das Pontes.

Exemplo:
“A ruta de María”: María vai dar o seu paseo todas as mañas. Vai pola Avenida de Vilalba cara o pantano, pasa pola Fraga e remata ao lado do Santa María tomando un café.
Nese percorrido que todos podemos recrear na nosa imaxinación, ela vaise fixando en diferentes elementos que a conectan coas súas vivencias. Pensar e plasmar esas percepcións e memorias asociadas ao espazo urbán nun video, axuda a tomar conciencia de aquilo que capta a súa atención e polo tanto do seu punto de vista e a súa forma de mirar o mundo.
Os veciños e veciñas que, como espectadores dos vídeos finais, poidan compartir as rutas personalizadas que resulten do obradoiro de videocreación, poderán verse reflectidos en cousas comúns ou apreciar os diferentes puntos de vista dunha mesma realidade. Verán espazos cotiás, quizais non mirados, pero cheos de vida.

O proxecto culmínase coa creación dunha páxina web para compartir os videos na rede que aglutine todas estas miradas, estas rutas que en forma de mapa debuxen un As Pontes próximo, emocional e orixinal da man das videocreacions dos seus veciños e veciñas.

Así toda a comunidade pontesa, e aqueles que queiran achegarse a este “mapa emocional” da nosa vila, verán plasmado dun xeito accesible e atractivo as percepcións dos habitantes das Pontes, que poderán irse incrementando en futuros obradoiros de resultar interesante a proposta.

O obradoiro ten un prezo de 20 euros e comezará o próximo 18 de Abril. Cunha duración de 30 horas, remataremos o 20 de Xuño en horario de 10 a 13 horas todos os luns na Casa Dopeso. Para inscribirse pódese facer por teléfono no número : 981440344 ou a través do mail cultura@aspontes.org.

CARTAZ_URBANISMOE_3_web_opt_2