…faise camiño ao andar…
Estamos chegando ao final do curso, o sol comeza a reclamarnos e antes de dar conta del no verán queremos compartir a colleita desta tempada, que comezou despaciño mais remata vigorosa e forte.
Estes dous últimos meses puidemos compartir a nosa iniciativa en diferentes foros moi interesantes. É á vez unha responsabilidade e unha honra que conten con VideodinamizArte en espazos como o Máster de Arteterapia da Universidade Autónoma de Madrid, ou en Afia Foro Iberoamericano de Arteterapia, así como ter cabida na programación do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.
Estas experiencias permítennos medrar e afianzar a nosa proposta, aprender e nutrirnos de experiencias e coñecementos de admirados/as compañeiros/as do camiño da videoterapia, e abrir novas vías de exploración.
A medida que poñemos en práctica a nosa metodoloxía os participantes van facéndoa súa, van compartindo con nós os seus mundos internos e segue a ser un pracer coñecer, vislumbrar, o auténtico de cada un. Máis aínda se eso novo que sae de cada un pode ser acollido e integrado polo seu creador e marcha para casa coñecéndose un pouco máis, véndose máis claramente.
Con esta sensación de traballo que se vai afianzando, temos máis claras as inmensas potencialidades do audiovisual empregado en espazos terapéuticos, e mil e unha ideas para poñer en práctica de cara ao futuro. Agardamos que queirades explorar con nós e formedes parte deste proxecto que tantas alegrías nos dá. Agradecidas porque nos permitades facelo realidade!