…da maxia da creación e do encontro…
Hai un tempo anunciabamos un obradoiro chamado “Espazo de exploración persoal a través do audiovisual”, hoxe queremos compartir con vos as reflexións posteriores ao traballo realizado en Aire, centro de arte.
Coma cada vez que levamos a cabo un obradoiro, o pasado mes de novembro tivemos a oportunidade de experimentar, xunto coas participantes, a “maxia” do proceso creativo. E é que hai algo máxico detrás do feito de contactar con aquello do noso mundo interior que nese momento nos ocupa, que se nos fai figura e está presente nos nosos pensamentos e sentimentos.
Neste obradoiro, de novo, asistimos á honestidade das participantes que, xenerosamente, compartiron un pedazo da súa ollada, ensinando –ao grupo e a elas mesmas – outras perspectivas non exploradas ata daquela. Simplemente deixándose guiar polas certezas que xurden do seu interior, a través das ferramentas audiovisuais e o camiño facilitado pola metodoloxía de VideodinamizArte, as participantes experimentaron o seu propio proceso creativo, comunicando(se) aquela mensaxe que nese momento necesitaron recibir.
Todas e todos sabemos o que necesitamos. Atendendo e observando o que sentimos, e apartando o que non nos deixa ver con claridade, podemos chegar á mensaxe que necesitamos recibir nese momento, e que só un mesmo se pode comunicar.
A autenticidade e honestidade de todas as pezas creadas é o maior, mais non único, valor de todas as creacións realizadas nos obradoiros de VideodinamizArte.
O valor engadido do proceso creativo no marco da videoterapia é poder recibir e integrar a mensaxe que comunica a creación da que somos autores, ampliando o noso xeito de mirar e de mirarnos.
É unha fortuna acompañar neste proceso, facilitando a toma de conciencia e sendo testemuña desa maxia da creación e do encontro. Agradecidas de poder seguir facéndoo.