Novo proxecto: Videocartas Galiza-Berlín

Comezamos o 2014 arrancando un novo proxecto en colaboración con Illa Bufarda e a psicóloga e educadora social Sandra Martínez. Trátase da iniciativa interdisciplinar Videocartas Galiza-Berlín.
Ante o fenómeno que se está dando na nosa xeración de marchar traballar fóra das nosas fronteiras, pareceunos interesante e necesario dar voz a todas esas historias actuais que están tendo lugar. Ao mesmo tempo vinculámolo coa historia galega de emigración, establecendo un paralelismo entre as dúas situacións. As videocartas son a unión perfecta entre todo o bo das misivas e o bo do audiovisual: permítennos comunicar dúas (ou máis) realidades véndoas e escoitándoas. Este proxecto está concebido para crear diálogos de emigración entre diferentes xeracións de distintas realidades. logo_videocartas
O proxecto vai dirixido a mozos/as galegos/as que na actualidade residen en Berlín con interese en explorar a súa creatividade a través do audiovisual e que teñan familiares emigrantes retornados, preferentemente de Alemaña. O proxecto ten dúas partes, a primeira en Galicia, onde nós seremos as encargadas de recoller as testemuñas de entre os familiares retornados. E máis adiante levaremos ese material audiovisual a Berlin para que os mozos/as participantes residentes alí elaboren unha peza audiovisual que combine a súa experiencia presente coa pasada dos seus devanceiros.
Este proxecto está financiado polo programa europeo Xuventude en Acción dentro do apartado 1.2 IniciativasXuvenís Transnacionais, desta forma podemos ofertar os obradoiros de balde para todos os participantes.
Atopamonos na primeira fase, buscando participantes, así que se agradecemos que poidas facer chegar esta información a todos/as aqueles que poidan estar interesados.
Máis información no perfil de Facebook: Videocartas Galiza-Berlín e no email: proxectoberlin@gmail.com